O pivote Manu Lorenzo, convocado pola Selección Española Xuvenil para xogar o Torneo Scandibérico

Pontevedra
10 de outubro 2023

O xogador do Club Cisne foi incluído na primeira lista de Rodrigo Reñones como seleccionador nacional xuvenil. Na convocatoria tamén figura David Failde, porteiro do BM Lalín

Manu Lorenzo (esquerda), adestrando co Cisne no Pavillón Municipal
Manu Lorenzo (esquerda), adestrando co Cisne no Pavillón Municipal / Mónica Patxot

A área técnica da Real Federación Española de Balonmán segue poñendo os seus ollos na canteira do Club Cisne Balonmán.

Nesta ocasión tocoulle a quenda ao pivote Manu Lorenzo, de só 17 anos e que aos poucos vai gañando protagonismo na rotación do primeiro equipo.

Lorenzo acaba de ser convocado pola Selección Española Xuvenil para disputar o Torneo Scandibérico que terá lugar a principios de novembro na localidade portuguesa de Guarda, e no que ademais de España competirán as seleccións de Portugal, Noruega e Suecia.

Ademais do xogador do Cisne na primeira lista oficial de Rodrigo Reñones á fronte dos Hispanos Xuvenís aparece tamén David Failde, porteiro do BM Lalín.

Os xogadores están chamados a concentrarse o vindeiro luns 30 de outubro en Madrid, estando previsto o debut no Torneo Scandibérico o xoves 2 de novembro fronte a Noruega. España medirase un día despois, o 3 de novembro, a Suecia e o sábado 4 á anfitrioa Portugal.