O Poio FS complícase e remata sufrindo para impoñerse (3-2) ao colista Bilbo FSF

Poio
07 de febreiro 2015

Despois de ter o partido encarrilado, as rapazas de Morenín complicáronse, encaixaron dous goles en tres minutos que neutralizaban a vantaxe local, e a punto estiveron de ver como de novo lle escapaba un triunfo que se lle estaba a resistir neste ano 2015. Finalmente un gol de Souza serviu para romper o maleficio, deixando os puntos na casa

Partido entre Poio FS e Bilbo FSF na Seca Diego Torrado

Todo apuntaba a unha vitoria cómoda do Poio FS para rematar con esa xeira negativa de resultados que lle levaran a sumar un só punto dos últimos quince disputados. Visitaba A Seca o colista Bilbo FSF, un equipo cunha traxectoria aínda máis negativa, por canto levaba sete derrotas consecutivas e unha sóla vitoria na súa cuadrícula.

Non obstante, despois de ter o partido encarrilado, as rapazas de Morenín complicáronse, encaixaron dous goles en tres minutos que neutralizaban a vantaxe local, e a punto estiveron de ver como de novo lle escapaba un triunfo que se lle estaba a resistir neste ano 2015. Finalmente un gol de Souza serviu para romper o maleficio, deixando os puntos na casa e devolvendo a tranquilidade ao equipo.

As cousas non puideron empezar mellor, cun temperán tanto de Yoly, que recibía na zona de pivote para xirarse e bater a Sandra á media volta aos tres minutos de xogo.

O gol servía para temperar nervios e calmar a ansiedade que se estaba a apoderar das xogadoras. O Bilbo buscaba sorprender ao contragolpe pero non conseguía aproveitar os seus achegamentos á área.

Xa na segunda parte, o Poio volvía anotar nos primeiros instantes, outra vez por medio de Yoly, tras un saque de libre indirecto nun rexeitamento da zaga vasca.

Pero cando todo apuntaba a que o partido estaba encarrilado e mesmo o Poio podería aumentar a vantaxe, chegaba o 2-1, obra de Diana nunha acción a balón parado, que metía de cheo ao Bilbo no choque, máis aínda cando tres minutos despois Vicky conseguía empatar.

Morenín solicitou tempo morto para tranquilizar as súas xogadoras, e o Poio facíase de novo co control do partido, logrando marcar o gol da vitoria por medio de Souza, nunha acción individual na zona de pivote. Con todo perdido, o Bilbo optou no tramo final polo xogo de cinco, pero as locais aguantaron ben.

POIO FS (3): Silvia; Souza, Charo, Nerea, Yoly -cinco inicial-, Paloma, Jenny, Elena e Claudia.

BILBO FSF (2): Sandra; Diana, Eva, Vicky, Andrea -cinco inicial-, María Isabel, Esti e Ixone.

Árbitros: Olivier Rodríguez e Miguel Ángel Blanco (Ourense). Amoestaron a Souza no Poio e a Diana no Bilbo.

Goles: (1-0) Minuto 3: Yoly. (2-0) Minuto 24: Yoli. (2-1) Minuto 27: Diana. (2-2) Minuto 30: Vicky. (3-2) Minuto 34: Souza.

Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 400 espectadores.