O Poio Pescamar, a confirmar a súa melloría en Murcia

Poio
21 de febreiro 2020

O conxunto vermello visita este sábado (16:15 horas) a pista do UCAM Murcia en busca da súa segunda vitoria consecutiva na liga e de afastar as pantasmas do mal inicio de ano

Partido entre Poio Pescamar e Universidad de Alicante Diego Torrado

Superada a súa mala serie de resultados, o Poio Pescamar quere derrubar a última barreira que queda no seu irregular inicio de ano, gañar lonxe do pavillón da Seca.

As vermellas, clasificadas para a fase final da Copa da Raíña e tras romper a pasada xornada unha xeira negativa de catro partidos de liga perdidos de maneira consecutiva, buscan confirmar a súa reacción para consolidarse na quinta praza da táboa clasificatoria.

O rival este sábado (16:15 horas), a domicilio, será o UCAM Murcia, undécimo clasificado con 25 puntos, a 10 puntos do Poio.

O equipo adestrado por Raúl Jiménez deberá ter coidado co poderío ofensivo das murcianas, cuartas mellores realizadoras con 65 goles só por detrás de Futsi Atlético, Burela e Alcorcón, aínda que é un conxunto que tamén encaixa con facilidade (69 goles), o que parece vaticinar un encontro animado.

O Poio Pescamar afronta esta xornada coas baixas de longa duración das súas xogadoras Antía Pérez e Clara, lista á que se sumou a última hora Andrea Feijóo por precaución e por recomendación dos fisioterapeutas para tentar que se recupere por completo dos seus problemas físicos.