O Poio Pescamar afronta un mes de xaneiro decisivo coa moral polas nubes

Poio
08 de xaneiro 2020

O equipo da Seca inicia o novo ano en postos de play-off e cun calendario cargado de partidos contra rivais da parte máis alta da clasificación

Partido de Copa da Raíña entre O Fisgón e Poio Pescamar
Partido de Copa da Raíña entre O Fisgón e Poio Pescamar / Diego Torrado

Sete xornadas sen coñecer a derrota, 19 puntos de 21 posibles, peche de ano en postos de play-off polo título e vitoria en Copa da Raíña sobre unha das bestas negras do equipo. O Poio Pescamar está de doce e no interior do vestiario da Seca as ganas e ilusión por facer algo grande neste 2020 está a dispararse. "En xaneiro xogámonos parte da tempada e queremos ver onde poñer o listón", explica, ambiciosa, Andrea Feijoo, unha das cinco máximas goleadoras da Primeira División de fútbol sala.

Tras un inicio de liga dubitativo, con derrotas fronte aos rivais máis duros da competición, o Poio Pescamar puxo velocidade de cruceiro e a ritmo de goles e vitorias escalaron ata a cuarta praza. "Foi un amolo empezar contra as máis fortes porque aínda non nos coñeciamos, había un corpo técnico novo... eran demasiados cambios. Aínda que a touro pasado, case foi mellor porque non tiñamos nada que perder", admite a xogadora.

O Nadal trouxo dous agasallos á escuadra conserveira. As vitorias sobre o Sala Zaragoza, "unha das aspirantes para estar entre as catro primeiras", e a eliminación do Ourense Envialia en Copa. "As miñas compañeiras dicían que a ver se desta vez ía. Fixemos unha super primeira parte e o factor cancha tamén axudo", declara a ex-xogadora do Majadahonda, que chegou no verán do 2019 a Poio.

Co obxectivo de disputar a primeira final a catro da historia da Primeira División Femina de Fútbol sala ao alcance da man, no vestiario vermello evitan falar de presión. "Agora xogámonos demasiado e a esixencia é maior, pero estamos súpermotivadas. É máis motivación que presión", asegura Feijoo, quen nega a súa responsabilidade na boa marcha do equipo. "Non só depende dunha xogadora, a clave é que todas achegamos", recalca.

"Mentiríache se digo que non o desexamos", di sobre as ganas do persoal de acabar o curso na zona nobre da táboa. Se o conseguen, tampouco descartan dar a badalada. "A partido único sempre hai máis opcións", advirte. Con esa actittud e o nivel demostrado ata o de agora, ver ás de Raúl Jiménez levantando o título non parece nada desatinado.