O Poio Pescamar apoia por segundo ano a folga do 8M

Poio
07 de marzo 2019

O primeiro plantel do equipo vermello suspendeu o adestramento previsto para este venres 8 de marzo e acudirá a actos previstos en Poio e en Pontevedra pola mobilización convocada con motivo do Día Internacional da Muller 

Partido do Poio Pescamar ante o Universidad de Alicante no Municipal de Poio
Partido do Poio Pescamar ante o Universidad de Alicante no Municipal de Poio / Diego Torrado

O primeiro persoal do Poio Pescamar secundará a folga feminista convocada para este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Será a segunda vez que o faga, tras sumarse o pasado ano ás reivindicacións deste día. Desta forma o equipo, que conta nas súas filas con xogadoras profesionais, suspendeu o adestramento previsto para a tarde deste venres.

En lugar de exercitarse, está previsto que as futbolistas e corpo técnico acudan á lectura do manifesto do Día Internacional da Muller previsto na Casa Rosada de Poio ás 11:45 horas e despois desprazaranse a Pontevedra para participar nos actos convocados na capital provincial.

Desta forma a dobre sesión prevista para este xoves será a última antes do partido de liga que as vermellas afrontarán o sábado (18:30 horas) na Seca ante o Móstoles, un duelo importante para esquecer canto antes o tropezo da última xornada en Zaragoza e non descolgarse da pelexa pola terceira posición da Primeira División de fútbol sala.