O Poio Pescamar asume ante o líder a súa segunda derrota consecutiva (2-4)

Pontevedra
17 de novembro 2018

O cadro poiense non logrou plantarlle cara en casa o Burela, que coa desta fin de semana mantén o seu pleno de vitorias na competición

Segunda derrota do Poio Pescamar ante o Burela
Segunda derrota do Poio Pescamar ante o Burela / Diego Torrado

Era un derbi galego moi esperado o deste sábado no Municipal da Seca entre o Poio Pescamar e o Burela, que despois da última xornada mantense invicto en Primeira. Pola súa banda, o cadro pontevedrés non logrou remontar a derrota da pasada semana ante o Roldán, tendo que asumir así outro partido sen puntuar.

O conxunto lucense comezou dominando ante un Poio moi cómodo. A pesar do control de balón das visitantes, o primeiro tanto de partido puxo ás locais por diante. Aos 13 minutos de xogo foi Ceci quen, nunha acción á saída dun saque de esquina, marcou cun potente disparo exterior.

A vantaxe das poienses no marcador obrigou ás do Burela a intensificar o xogo en ataque. Tanto foi así que, a escasos segundos do descanso, Cilene lograba  equilibrar o resultado (1-1).

O paso polos vestiarios sentou ben ás vermellas, polo menos iso parecía nun principio. Conseguiron volver gañar distancia cun gol de Ale de Paz a tan só un minuto da continuación. A pesar diso, as visitantes non tardaron en volver empatar o partido cunha acción de Dany que penalizaba unha perda de balón en primeira liña da escuadra pontevedresa.

Pola súa banda, Peque conseguiu poñer por primeira vez no encontro ás lucenses por diante (2-3). E non terminou aí, xa que, segundos máis tarde, Tais anotou o 2-4 no marcador, algo ao que as pontevedresas xa non lograron facerlle fronte a causa da falta de acerto. 

POIO PESCAMAR (2): Silvia; Jessy, Cárol, Dani Sousa, Ale de Paz (quinteto inicial), Ceci, Iria, Irene García e Jenny.

BURELA (4): Jozi; Dany, Cristina, Cielene, Peque (quinteto inicial), Jenny, Lara, Tais e Camila.

Goles: 1-0 Ceci (13'), 1-1 Cilene (19'), 2-1 Ale de Paz (21'), 2-2 Dany (23'), 2-3 Peque (33') e 2-4 Tais (34').

Árbitros: Recibiron cartulina amarela Iria Saeta, Jenny e Cárol, do Poio Pescamar, e Jenny, do Burela.

Incidencias: Pavillón Municipal de Poio ante preto de 500 espectadores.