O Poio Pescamar despide a liga buscando o seu record de puntuación

Poio
03 de xuño 2016

O equipo vermello visita este sábado (16:30 horas) a cancha do Rubí, en Barcelona, na busca dun triunfo que lle permita superar a súa mellor puntuación na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional

Adestramento do Poio FS 2015/2016
Adestramento do Poio FS 2015/2016 / Mónica Patxot

Hai tres anos o Poio Pescamar fixo historia logrando o ascenso a Primeira División na cancha do Sportiu Rubí, e agora as vermellas regresan á pista barcelonesa para pechar a súa terceira campaña na elite.

Fano ademais cun obxectivo, superar o seu record de puntuación na máxima categoría, algo que lograrán se vencen ao Rubí este sábado (16:30 horas) a domicilio.

Jorge Basanta terá a todo o plantel dispoñible para tentar bater a un equipo que marcha na sexta praza tras unha brillante campaña.

O Poio Pescamar conta, a falta do último partido de liga, con 36 puntos, polo que de gañar, ademais de asegurar a novena posición na táboa, superarían os 37 puntos da tempada 2013/2014 cando Marcio ocupaba o banco da Seca.