O Poio Pescamar golea ao Txantrea (5-2) e mantense en postos copeiros

Poio
04 de febreiro 2017

As vermellas iniciaron con bo pé a segunda volta da competición ligueira nun choque que non terminou de dicirse ata a segunda metade

Partido entre Poio Pescamar e Txantrea Diego Torrado

Gran inicio da segunda volta de liga para o Poio Pescamar, que se mantén nos postos que dan acceso á Copa de España tras vencer con claridade na Seca ao Txantrea navarro (5-2).

As vermellas iniciaron o choque con defensa alta para facerse co control do xogo, co equipo visitante esperando a súa oportunidade á contra, algo que lograron ata que en dous minutos, o 9 e o 10, Jessy e Patri Corral encarrilaban o encontro tras culminar a primeira unha xogada ao segundo pau e a segunda unha acción de roubo en campo contrario.

As navarras non baixaron os brazos e a pouco do descanso atopaban premio recortando distancias no electrónico grazas a un penalti transformado por Virginia.

Na segunda metade o Poio saíu disposto a marcar distancias, pero non foi ata o 28 cando o partido empezou a decidirse co 3-1 de Ale de Paz aproveitando unha superioridade numérica. Depués chegaría a sentenza, con goles de Jenny e Carol antes de que o Txantrea reducise distancias a pouco do final.

POIO PESCAMAR (5): Silvia, Ceci, Charo, Carol, Jessy -cinco inicial- Patri Corral, Ale de Paz, Lores, Jenny.

TXANTREA (2): Goñi, Maite, Virginia, Amaya, Eva -cinco inicial- Rebeca, Nerea, María, Ane, Iris.

Árbitros: Daniel Dacal e Álvaro García. Amoestaron a Silvia no Poio Pescamar e con dobre cartón a Eva no Txantrea.

Goles: 1-0 Jessy (min.9), 2-0 Patri Corral (min.10), 2-1 Virginia (min.18), 3-1 Ale de Paz (min.28), 4-1 Jenny (min.32), 5-1 Carol (min.34), 5-2 Maite (min.38).

Incidencias: Partido disputado no pavillón da Seca ante uns 350 espectadores.