O Poio Pescamar golea o Xaloc Alacant e colócase cuarto (5-0)

Poio
08 de decembro 2019

Buscando a súa sexta vitoria consecutiva e quinta en liga, as de Raúl Jiménez golearon ao seu rival por cinco goles a cero, resultado que lles permite coarse no cuarto posto da clasificación e que lles dá a opción de xogar o play-off polo título

Partido entre Poio Pescamar e Xaloc Alacant na Seca
Partido entre Poio Pescamar e Xaloc Alacant na Seca / Diego Torrado

Despois de clasificarse este venres para a seguinte rolda da Copa da Raíña tras vencer ao Fisgón, o Poio Pescamar recibiu este domingo no pavillón da Seca ao pechacancelas da liga, o Xaloc Alacant.

Buscando a súa sexta vitoria consecutiva e quinta en liga, as de Raúl Jiménez golearon ao seu rival por cinco goles a cero, resultado que lles permite coarse no cuarto posto da clasificación e que lles dá a opción de xogar o play-off polo título.

O Poio saíu con todo para manter o refacho de máis dun mes sen perder na casa. Aínda que o seu rival mostrouse moi combativo, no minuto 6 xa encaixaron o primeiro tanto. Foi Clara a encargada de finalizar unha xogada de estratexia para poñer ás vermellas por diante no marcador.

Cinco minutos máis tarde, Mirian aumentaba a renda local cun gol ao segundo pau para chegar ao descanso co 2-0.

Xa na segunda parte, co Poio pelexándoo todo, Andrea Feijoo facía o terceiro gol á saída dun saque de esquina no minuto 23 e deixaba practicamente sentenciado o encontro.

Quedaban 5 minutos e as galegas querían redondear a vitoria. Clara enviaba o balón á rede despois dun pase de Andrea ao segundo pau e acto seguido, Daniela Sousa facía o mesmo á saída dunha falta rematando dentro da área en xogada de estratexia para deixar o 5-0 final no luminoso.

POIO PESCAMAR (5): Caridad; Clara, Irene, Daniela Sousa e Iria (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carol, Andrea Feijoo, Mirian, Ana Rivera e Anna Escribano.

XALOC ALACANT (0): Toñi; Mireia, Angie, Tere e Miri (quinteto inicial). Tamén xogaron, More, Eva Ortiz, Laura, Elena, Morote, Lida, María e Gemma (segunda porteira).

Árbitros: Amoestaron a María, por parte do Xaloc e Daniela no Poio Pescamar.

Goles: 1-0, min. 6 Clara. 2-0, min. 11 Mirian. 3-0, min. 23 Andrea Feijoo. 4-0, min. 37 Clara. 5-0, min. 38 Daniela Sousa.

Incidencias: Pavillón Municipal de Poio. Máis de 250 espectadores.