O Poio Pescamar parte cara a Cádiz coa ilusión de facer un bo papel na Copa de España

Poio
06 de xuño 2018

O equipo vermello puxo este mércores rumbo á súa segunda participación no torneo do K.O., na que debuta á primeira hora do venres ante un óso duro como o  Futsi Atlético de Madrid

Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018
Adestramento do Poio Pescamar 2017-2018 / Cristina Saiz

Coa ilusión por bandeira. Así partiu este mércores a expedición do Poio Pescamar rumbo a Cádiz, onde o venres día 8 de xuño comeza a XXIV Copa de España Feminina.

Por segundo ano consecutivo o equipo vermello está presente no torneo do K.O., no que soña con chegar lonxe a pesar da dificultade do cadro de competición.

As xogadoras adestradas por Marcio Santos, que se despide do club con esta cita, serán as primeiras en saltar á pista de xogo gaditana para enfrontarse ás 10:00 horas do venres ao Futsi Atlético de Madrid.

As madrileñas pasan por ser un dos mellores equipos do país, segundas na liga recentemente finalizada, pero o Poio xa sabe o que é vencelas esta campaña, 2-3 a domicilio, mesmo resultado que se deu na Seca na primeira xornada de liga favorable naquela ocasión ao Atlético.

Despois de adestrar luns e martes en pista de parqué para adecuarse ás condicións que se atoparán en Cádiz, as vermellas iniciaron o desprazamento con todo o plantel dispoñible para a cita.

En caso de dar a sorpresa, o sábado en semifinais esperaría o vencedor do duelo entre Universidad de Alicante e Alcorcón.