O Poio Pescamar refórzase coa porteira Elena González e a ala-pivot Laura Uña

Poio
28 de xuño 2022

A gardameta chega para ocupar o posto baixo paus deixado por Caridad e Lucía Paz, mentres que Uña, con cinco anos de traxectoria na elite nacional, chega para achegar calidade e experiencia ao equipo

Elena González, nova porteira do Poio Pescamar
Elena González, nova porteira do Poio Pescamar

O Poio Pescamar fai oficial a incorporación de dúas novas xogadoras para a próxima tempada. Trátase da porteira Elena González, procedente do Universidad de AlIcante; e Laura Uña, procedente do Ourense Envialia.

A gardameta de 23 anos levaba cinco tempadas no cadro alacantino. Nada en Segovia, leva desde nena practicando este deporte en diferentes equipos da súa cidade natal. Chegou a disputar unha fase de ascenso a Primeira co Unami, pero non foi ata o ano 2017 cando ficha polo Universidade de Alacante para debutar na máxima categoría. 

Xa nas filas da UA, chegou a ser convocada pola Selección Española absoluta e era unha habitual nas listas da sub 21. 

A chegada de Elena serve para reforzar unha portería que quedou orfa, debido a que a finais da semana pasada o cadro da Seca confirmara a marcha das dúas gardametas do curso anterior: Caridad e Lucía Paz.

Doutra banda, Laura Uña únese ao equipo conserveiro para reforzar a posición de ala-pivot. Nada en Cantabria no ano 1996, Uña formouse no Camargo e o Muriedas da súa rexión. Logo asinou co Ribamontán al Mar co que disputou dúas tempadas en Segunda División antes de dar o salto a Primeira baixo a disciplina do Leganés, co que debutou no 2017. Dous ano máis tarde, recalou no Ourense Envialia, escudo que defendeu durante os tres últimos cursos.