O Pontevedra adhírese á iniciativa do fútbol galego contra a violencia de xénero

Pontevedra
23 de novembro 2017

A presidenta granate, Lupe Murillo, representou ao club no acto de presentación da iniciativa en Santiago. En todos os campos de Galicia, incluído Pasarón, colocarase antes do encontro un gran lazo violenta como símbolo da loita contra a violencia machista

Presentación do convenio do fútbol galego contra a violencia de xénero Federación Galega de Fútbol

O Estadio Municipal de Pasarón lucirá o vindeiro domingo 26 de novembro ante o Valladolid B un gran lazo violeta como símbolo da loita contra a violencia de xénero.

É unha das actuacións previstas nos campos de fútbol da comunidade contemplada no convenio subscrito polos equipos galegos para traballar de maneira conxunta nunha campaña contra a violencia machista.

Este acordo foi presentado en Santiago de Compostela coa presenza do presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e presidentes dos clubs galegos entre os que se atopaba a máxima dirixente do Pontevedra, Lupe Murillo.

A dirixente granate foi xunto ao presidente do Celta, Carlos Mouriño, a encargada de falar en representación dos clubs poñendo en valor o traballo que debe realizarse desde as entidades, en especial coas súas categorías inferiores.

"Queremos achegar o noso gran de area na eliminación desta lacra que é a violencia de xénero", sinalou á súa vez Rafael Louzán.

Os actos desenvolveranse en todos os partidos que xoguen como locais os equipos galegos de Primeira, Segunda e Segunda División B.

Tamén estiveron presentes na presentación celebrada en Santiago de Compostela a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, as colexiadas Zulema Gómez e Eelena Casal e a futbolista Bea Seijas en representación das súas compañeiras, Susana López Abella.