Luís Miguel Areda, 'Luismi', terá a oportunidade de dirixir ao Pontevedra na súa volta á competición ante o Celta de Vigo B, o vindeiro domingo 7 de xaneiro (17:00 horas, Pasarón).
A intención da dirección deportiva pasaba por poder concretar a fichaxe dun novo adestrador antes de que o equipo comezase a semana de traballo, pero ao non suceder así optou por dar a alternativa ao ata agora técnico do xuvenil de División de Honra.
"Luismi va a digir al equipo", confirmou este mércores a PontevedraViva Roberto Feáns, conselleiro responsable da planificación do equipo, coa idea de que probe "estas dos semanas y a ver cómo vamos", sinalou.
A chegada dun adestrador antollábase complicada co paso dos días, xa que os granates afrontarán un calendario cargado de encontros na súa volta á actividade, con ata tres citas en apenas unha semana, os choques ante Celta B e Rápido de Bouzas en liga (7 e 14 de xaneiro) e a ida da eliminatoria de Copa Federación ante o Burgos (10 de xaneiro no Plantío), que deixarían sen tempo de reacción ao novo inquilino do banco de Pasarón. Ese será a marxe no que Luismi deberá demostrar que pode asumir o reto de dirixir un banco profesional.
Agora toca "estar todos a tope con él", pediu o conselleiro granate tras o primeiro adestramento do ano do equipo, no que o agora si adestrador para todos os efectos do primeiro plantel avanzou na preparación do partido ante o filial céltico, no que contará coa baixa por sanción de Kevin Presa.