O Pontevedra blinda o plantel para fixar o foco na final de San Fernando

Pontevedra
19 de abril 2023

Rufo, Nikolov, Churre e Rubio traballaron este mércores á marxe dun grupo ao que xa están plenamente incorporados Yelko Pino e Samu Araújo

Adestramento do Pontevedra na Xunqueira
Adestramento do Pontevedra na Xunqueira / PontevedraViva

Fútbol, só fútbol e máis nada que fútbol. É a orde dada desde a dirección deportiva do Pontevedra para esta semana. O equipo xógase a permanencia en Primeira Federación este domingo na súa visita ao San Fernando e desde a directiva queren que o vestiario se centre unicamente en preparar esta auténtica final.

Superar a goleada sufrida o pasado domingo, illar aos xogadores da pitada do público e evitar preguntas sobre o plebiscito que supuxo o redebut de Gueye en Pasarón están detrás dun novo decreto da lei do silencio. Os dirixentes granates impedirán aos xogadores realizar declaracións en público ao longo desta semana para poñer o foco unicamente na necesidade de sumar o próximos tres puntos.

Mentres tanto, este mércores respirouse normalidade e bo ambiente no campo de adestramento. O primeiro equipo superou xa o pau da derrota en casa contra o Mérida e está plenamente centrado no próximo partido.

Nunha sesión dirixida por Álex Salgado e Dani Vilas, baixo a atenta supervisión do adestrador Juan Señor, o grupo realizou exercicios de posesión, pase, presión e finalización. Integrado na dinámica de traballo atópase xa o centrocampista Yelko Pino e o lateral esquerdo Samu Araújo, que xa gozou de minutos de competición o pasado sábado. Completaron a sesión xogadores do filial como Arnosi, Abal, Valentín e Víctor Casais.

En cambio, mantéñense á marxe do grupo os lesionados Rufo e Víctor Nikolov, mentres que Churre traballou a menor ritmo por precaución. Tampouco saltou ao campo de adestramento ata última hora para realizar carreira continua Alberto Rubio, que padece unha lesión que lle impediu entrar na convocatoria do último partido e cuxo alcance aínda non transcendeu.