O Pontevedra busca saída para Jorge Rodríguez que non entra nos plans de Luisito

Pontevedra
11 de xullo 2015

Aínda que dende o club non se dixo nada oficialmente, PontevedraViva puido saber que o técnico contactou co xogador para facelo saber que non conta con el para o campionato en Segunda B. Jorge, encóntrase de vacacións como o resto dos seus compañeiros, no seu caso lonxe de Pontevedra tras casarse poucos días despois de conseguir o ascenso

Jorge celebra o gol do Pontevedra ante o Mensajero en Pasarón
Jorge celebra o gol do Pontevedra ante o Mensajero en Pasarón / Diego Torrado

De heroe a vilán nun par de semanas. Pode ser o caso de Jorge Rodríguez, autor de catro dos seis goles que o Pontevedra conseguiu no play-off de ascenso (dous deles no partido decisivo fronte ao Haro Deportivo) que levaron ao conxunto granate de volta á Segunda División B, podería verse obrigado a abandonar o equipo, malia ter un ano máis de contrato como consecuencia de ter obtido o devandito ascenso, ao non entrar nos plans do adestrador, Luisito, de cara á próxima tempada.

Aínda que dende o club non se dixo nada oficialmente, PontevedraViva puido saber que o técnico contactou co xogador para facerlle saber que non conta con el para o campionato en Segunda B. Jorge, encóntrase de vacacións como o resto dos seus compañeiros, no seu caso lonxe de Pontevedra tras casarse poucos días despois de conseguir o ascenso.

Esta situación obriga o club granate a intentar negociar a rescisión de contrato, ao mesmo tempo que se sonda xa o mercado en busca dun dianteiro goleador que acompañe a Pablo Carnero na parte de arriba do equipo.

CENTRÓN E ÁLVARO MUÑIZ

En situación semellante encóntranse Miguel Centrón e Álvaro Muñiz. Ambos os dous garantíanse co ascenso a renovación por unha tempada máis, pero tamén recibiron noticias do club no sentido de que o corpo técnico non conta con eles, polo que se busca unha saída para ambos os dous.

Deste modo, e pendente dos contactos que aínda han de facerse con outros compoñentes do equipo, que poderían incrementar o capítulo de baixas, coas confirmadas de Benja e Rubén Lobato, o Pontevedra prescinde de cinco xogadores dos que participaron na consecución do ascenso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora