Fran Fandiño deixará nas próximas horas de ser xogador do Pontevedra para marchar cedido ao Arosa. O xogador soubo ao regreso das súas vacacións fóra da cidade que non entraba nos plans de Luisito, malia ter tamén contrato en vigor como nos casos de Jorge Rodríguez, Miguel Centrón e Álvaro Muñiz, optando por buscarse un novo destino no que contar con partidos e minutos cada xornada.
O destino do canteirán granate estará preto, concretamente no Arosa de Piscis, que espera xa a Fran Fandiño coa intención de presentalo este mesmo mércores, no inicio dos adestramentos. Así o confirmou a PontevedraViva o presidente arosista, Manolo Abalo: "Co xogador hai acordo. El quere vir ao Arosa e a nós gustaríanos telo xa hoxe mesmo. Teño pendente unha conversación con Roberto Feáns para deixar todo arranxado".
Tamén o presidente arlequinado expresou que Fran Fandiño é un xogador do agrado de Piscis: "Ao noso adestrador gústalle moito. É un xogador dunha gran calidade técnica que nos pode achegar moitas cousas. Ademais, no aspecto persoal tamén temos referencias inmellorables del e do seu comportamento".
Entre as cuestións a pulir está a parte económica. Barállase a posibilidade de que ambos os dous clubs asumen unha parte da ficha do xogador e mesmo sobre a mesa pode estar a posibilidade de que o Pontevedra poida repescalo, en caso de necesitalo, no mercado invernal.