O Pontevedra cancela tamén os adestramentos do primeiro equipo

Pontevedra
13 de marzo 2020

O club rectifica a decisión adoptada fai menos dun día pola que mantiña os adestramentos do primeiro equipo a porta pechada

Adestramento do Pontevedra en Cerponzóns
Adestramento do Pontevedra en Cerponzóns / Cristina Saiz

Despois da suspensión das dúas próximas xornadas de liga, da clausura de todas as instalacións deportivas municipais e de decidir suspender as sesións preparatorias de todos os equipos da base, a directiva do Pontevedra acordou este venres a suspensión dos adestramentos do primeiro equipo "ata novo aviso".

A través dun comunicado difundido polas redes sociais do cadro granate, a directiva informa que "tras o peche das instalacións municipais de Pontevedra e as recomendacións das autoridades sanitarias e deportivas competentes, o primeiro equipo do Pontevedra CF SAD non adestrará ata novo aviso".

Esta medida chega menos de 24 horas despois de decidir manter as sesións preparatorias a porta pechada nos campos de Campañó ou Pasarón. Algo que finalmente non levará a cabo.

O cesamento da actividade programada non implica que os xogadores deixen de traballar, o preparador físico do primeiro equipo deu unhas pautas aos futbolistas para realizar nas súas casas e poidan manter o seu estado de forma para regresar nas mellores condicións posibles aos adestramentos.