O Pontevedra comezará a liga en Guijuelo

Pontevedra
20 de xullo 2016

A Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer este mércores o calendario de competición da Segunda B. O primeiro partido na casa para os granates disputarase o 28 de agosto ante o Multivera. A Federación atende a petición do club pontevedrés, que xogará en Pasarón o día do seu 75 aniversario, o 16 de outubro, ante o Lealtad

Adestramento de pretempada do Pontevedra en Poio
Adestramento de pretempada do Pontevedra en Poio / Mónica Patxot

A Real Federación Española de Fútbol deu a coñecer este mércores o calendario de competición da Segunda B, que arrincará nun mes, o 21 de agosto.

O Pontevedra xa sabe que comezará a tempada a domicilio, visitando na primeira xornada ao Guijuelo, mesmo rival co que estreou o curso pasado, mentres o primeiro na casa disputarase o 28 de agosto ante a UD Multivera.

Unha semana despois, coincidindo coa celebración da Feira Franca na cidade, os granates afrontarán un dos desprazamentos máis complicados da tempada, a Santander, para xogar ante o Real Racing Club.

Outras das datas sinaladas en vermello no calendario será este curso o 75 aniversario do club, que coincidirá con día de partido o domingo 16 de outubro. Neste aspecto a Federación atendeu a petición do Pontevedra e os granates xogarán no Estadio Municipal de Pasarón en tan especial data ante o Lealtad asturiano.

En canto aos derbis galegos, fóra da casa, os de Luisito xogarán ante o Celta B na xornada 5 (18 de setembro), Coruxo na 16 (27 de novembro), en Ferrol na 26 (19 de febreiro), Somozas na 34 (16 de abril) e Boiro na 36 (30 de abril).

Pola súa banda a última xornada de liga a xogará no campo do Caudal de Mieres.

Consulta aquí o calendario completo de competición no Grupo I da Segunda B.