O Pontevedra estrea servizo de venda en liña de entradas

Pontevedra
25 de outubro 2022

O club granate estreou este martes unha actualización da súa páxina web, na que destaca a novidade da venda de entradas a través da internet

Actualización da páxina web do Pontevedra Club de Fútbol
Actualización da páxina web do Pontevedra Club de Fútbol / Pontevedra Club de Fútbol SAD

Lavado para a imaxe dixital do Pontevedra Club de Fútbol, que este martes estreou actualización na súa páxina web oficial.

Ademais da renovación, destaca como novidade a activación da venda de entradas por internet, servizo que ata o de agora non estaba dispoñible e que obrigaba a pasar polas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón para adquiri algún billete de forma anticipada.

A venda en liña xa está activa para o duelo do próximo domingo 30 de outubro fronte ao San Fernando, con prezos que se manteñen con respecto a xornadas anteriores.

En concreto as entradas para o público xeral teñen un custo de 25 euros para a bancada de Tribuna, 20 euros para Preferencia e 15 euros para os fondos. Esta cantidade, para os menores de 16 anos, é de 15 euros en Tribuna e 10 euros no resto de bancadas e de 5 euros para os menores de 6 anos.