Xa é oficial. Bruno Rivada deixou este xoves de ser xogador do Pontevedra Club de Fútbol para comprometerse co Club Deportivo Mirandés, actual segundo clasificado do Grupo II da Segunda División B.
A través dun breve comunicado o club granate confirmou o que xa era un segredo a voces, a saída do canteirán "tras acordo entre ambos os dous clubs".
Bruno, que nas últimas tempadas fora un habitual nas aliñacións titulares do equipo, quedara fóra da convocatoria no último encontro de liga, cando xa empezaba a ser unha realidade a súa marcha, e tampouco estivo presente no duelo de Copa Federación ante o Burgos.
Coa súa saída o Pontevedra queda momentaneamente cun só defensa central específico no plantel, David Golgar, á espera de que se concreten fichaxes, posto que a intención do club é incorporar a dous futbolistas para esta posición.
Esta era a cuarta tempada de xogador redondelano no primeiro equipo granate, ao que chegou no inverno da 2014/2015 tras unha cesión en Bertamiráns a tempo para colaborar no ascenso a Segunda B e no que foi gañando peso nas dúas últimas campañas na categoría de bronce.