O Pontevedra iguala o seu peor arranque ligueiro dos últimos 38 anos

Pontevedra
18 de setembro 2017

O equipo granate non se atopaba nunha situación similar en liga, cun punto nas primeiras cinco xornadas, desde a tempada 79/80. Desde o club apelan á tranquilidade e confían en remontar o voo no próximo encontro, ante o San Sebastián de los Reyes en Pasarón

Partido entre Fuenlabrada e Pontevedra
Partido entre Fuenlabrada e Pontevedra /

A derrota ante o Fuenlabrada mantén ao Pontevedra Club de Fútbol nunha situación incómoda e inesperada, en postos de descenso e con só un punto na táboa.

Poucos pensaban nun arranque de competición similar nun ano no que a aspiración, segundo o declarado polos responsables da entidade no verán, era mellorar o conseguido a pasada campaña, cando o equipo xogou o play-off de ascenso a Segunda División.

A situación é agora diametralmente oposta, e é que poucos dos asiduos a Pasarón lembran un inicio de liga con peores cifras.

De feito hai que remontarse 38 anos atrás, á tempada 1979/1980, para atopar números similares, cun empate no primeiras cinco xornadas. Aquel ano os granates concluíron a competición no posto 13, sen abafos.

Na historia recente só se atopa outro caso parecido, a campaña 2000/2001, na que se lograron dous empates. Foi a tempada, nos primeiros compases da etapa de Nino Mirón como presidente, na que o Pontevedra salvou a categoría en Segunda B na última xornada, grazas a un agónico empate ante un Ourense que chegaba como líder.

Estes números contrastan ademais cos do pasado ano (7 puntos) ou mesmo os de hai dous (4 puntos), na volta á categoría de bronce.

A pesar diso desde o club apelan á tranquilidade e móstranse confiados en empezar a remontar o voo para partir do próximo domingo, cando o San Sebastián de los Reyes visite o Estadio Municipal de Pasarón.