O Pontevedra mantén prezos de 'derbi' para o partido ante o Racing de Ferrol

Pontevedra
13 de febreiro 2018

A importancia do choque do próximo domingo en Pasarón ante o cadro departamental non provocará rebaixa nos prezos, aínda que si promocións para os abonados ata o venres

Partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón
Partido entre Pontevedra e Fuenlabrada e Pasarón / Diego Torrado

A gran importancia que tomou o próximo partido do Pontevedra, o domingo 18 de febreiro (17:00 horas) ante o Racing de Ferrol no Estadio Municipal de  Pasarón, na loita pola permanencia na categoría non provocou cambios significativos no prezo das entradas para o duelo de rivalidade.

Os billetes mantéñense desta forma con respecto ao resto de encontros da presente tempada ante equipos galegos ou ante rivais da zona alta e filiais.

Así as entradas para o público adulto terán un prezo de 25 euros na bancada de Tribuna, 20 euros na de Preferencia e de 15 euros nos fondos. Ademais o público menor de idade volverá pasar por despacho de billetes (non o fixo no último encontro de liga) a razón de 5 euros en idade xuvenil e de 3 euros en idade infantil.

En todo caso os afeccionados menores de 19 anos poderán retirar de maneira gratuíta unha invitación para calquera das bancadas, sempre que o fagan antes do venres. Para iso deberán acudir en horario de oficina ás instalacións de Pasarón (de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas).

Pola súa banda os abonados do Pontevedra poderán beneficiarse doutra promoción, tamén ata o venres, retirando unha invitación para a bancada de Preferencia.

Ambas as dúas promocións non serán válidas o mesmo día do partido, segundo confirmou o club granate.