O Pontevedra negocia un triangular con Celta e Deportivo dentro dos actos do seu 75 aniversario

Pontevedra
18 de maio 2016

O club granate espera que ambos poidan cadrar datas en pretempada para este torneo. Ademais séguese á espera da contestación do Atlético de Madrid para a disputa dun amigable e confirmáronse os primeiros actos oficiais, con charlas de personalidades como o seleccionador nacional, Vicente del Bosque, e Jorge Valdano

Lupe Murillo e Manuel Ruibal no Estadio Municipal de Pasarón
Lupe Murillo e Manuel Ruibal no Estadio Municipal de Pasarón / PontevedraViva

Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña poderían xogar este verán un triangular no Estadio Municipal de Pasarón ante un Pontevedra que iniciaría así os actos do seu 75 aniversario.

É polo menos o que negocia a directiva granate con ambos os clubs galegos a expensas da súa dispoñibilidade durante a pretempada, especialmente no caso dos vigueses, que deberán xogar a fase previa da Europa League.

Así o recoñeceu este mércores a presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo, nunha rolda de prensa que serviu para adiantar algúns dos actos de tan especial tempada para o club da cidade de Lérez.

Ao mesmo tempo, espérase "en breve" a resposta do Atlético de Madrid á petición de xogar un partido amigable na cidade.

"Queremos celebrar que con el trabajo de muchas personas a lo largo de la historia el Pontevedra está aquí", sinalou Murillo ante os medios de comunicación.

Pero os deportivos non serán os únicos actos do 75 aniversario. A semana previa ao 16 de outubro, data fundacional do club, realizaranse unha serie de eventos xa confirmados, como unhas charlas no Teatro Principal nas que estarán, entre outros, o seleccionador nacional Vicente do Bosque ou Jorge Valdano, ademais de xornalistas como Santiago Segurola ou Alfredo Relaño, segundo explicou o tamén xornalista Xabier Fortes.

Por outra banda a Deputación acollerá desde outubro e ata pasar o Nadal, unha exposición sobre a historia do club que se pretende sexa "o embrión" dun museo permanente sobre o Pontevedra.

Como colofón o equipo xogará a próxima campaña cunha camiseta conmemorativa do aniversario. Ademais solicitou á Federación Española xogar en casa a xornada que coincida co 16 de outubro para converter a cidade nunha festa granate e "tentar encher Pasarón".

Arquivado en