O Pontevedra recorre a expulsión de Miguel Loureiro e a amoestación de Bonilla en Pamplona

Pontevedra
20 de marzo 2017

O club granate espera que o Xuíz Único revogue a expulsión que sufriu Miguel e o cartón a Bonilla ante Osasuna B e poidan estar dispoñibles para o choque do próximo domingo ante o Tudelano, partido para o que o Pontevedra deseñou diversas promocións co obxectivo de aumentar a asistencia a Pasarón

Bonilla, no partido entre Osasuna B e Pontevedra en Tajonar
Bonilla, no partido entre Osasuna B e Pontevedra en Tajonar / Javier Bergasa / Noticias de Navarra

Non está conforme o Pontevedra coa expulsión que sufriu Miguel Loureiro ante o Osasuna B, e que condicionou o encontro ao obrigar a xogar aos granates durante  máis de 70 minutos en inferioridade numérica.

O club confirmou este luns a presentación dun recurso ante o Xuíz Único de Competición, coa intención de que o lateral poida estar dispoñible para o choque do próximo domingo (17:00 horas) en Pasarón ante o Tudelano.

O colexiado do encontro ensinou a Miguel o cartón vermello directo no minuto 16 do encontro en Tajonar por "suxeitar a un rival dentro da área, derrubándoo, abortando coa súa acción unha manifesta e clara ocasión de obter un tanto por parte do equipo contrario", segundo explicou no acta arbitral.

Ademais, o Pontevedra presentou recurso tamén pola amoestación que viu Javier Bonilla por, segundo o árbitro, "simular ser obxecto de infracción". O cartón coloca ao lateral no segundo ciclo de suspensión por acumulación.

PROMOCIÓNS PARA AUMENTAR A ASISTENCIA A PASARÓN

Non só no plano deportivo está a traballar estes días o Pontevedra, que anunciou unha serie de medidas para a primeira das catro 'finais' por manter a cuarta praza que afrontará ata o final de liga en Pasarón.

Durante a semana, ata o vindeiro venres día 24, os abonados poderán retirar nas oficinas do estadio unha invitación para un acompañante válida para o choque ante o Tudelano. Ademais poderán adquirir unha entrada máis para un adulto cun 50% de desconto.

As accións promocionais complétanse coa visita de xogadores do primeiro plantel aos centros educativos da cidade, nos que repartirán invitacións para o partido.