O Pontevedra Club de Fútbol confirmou a presentación este martes dun escrito de alegacións ante o Xuíz Único do Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol solicitando a retirada da tarxeta amarela que Dalisson de Almeida viu no transcurso do partido de liga fronte á Arandina en Pasarón.
Trátase da primeira amoestación da tempada para o 18 granate, pero entenden no club que non existe contacto na entrada que supuxo a súa amarela, e que por tanto non debe de manterse a decisión do colexiado ao tratarse dun erro de apreciación claro.
Segundo sinalo na acta o árbitro do partido, o asturiano Leandro Carbajales Gómez, Dalisson foi amoestado no minuto 40 por "realizar unha entrada a un contraio de forma temeraria na disputa do balón".
O Xuíz ünico analizará este mércores as probas aprotadas polo Pontevedra antes de decidir se mantén ou non o castigo.
Ao tratarse da primeira tarxeta do futbolista granate esta campaña, en ningún caso supoñerá unha suspensión ou ameaza inminente de sanción.
Neste aspecto ningún xogador do primeiro plantel pontevedrés está aínda apercibido de castigo por acumulación, pero tres futbolistas suman xa tres amarelas. Son Mario Gómez, Rufo e Chiqui.