O Pontevedra recupera a Javi Pazos, Javi López, Pol Bueso, Álvaro Bustos e Romay

Pontevedra
08 de agosto 2019

Luismi confirma que o lateral dereito Santi Figueroa e o dianteiro Rivera serán os canteiráns que ocuparán dous das seis fichas sub 23 que debe ter o primeiro equipo e non descarta a chegada doutro xogador para fortalecer outras posicións

Javi López e Javi Pazos completan o adestramento co grupo
Javi López e Javi Pazos completan o adestramento co grupo / Mónica Patxot

A falta de dúas semanas para o inicio da liga, o plantel do Pontevedra vai recuperando efectivos lentamente. Pedro Vázquez e Álex González seguirán á marxe do grupo durante as próximas semanas, pero Luismi xa ten traballando co grupo a Javi Pazos, Pol Bueso, Álvaro Bustos, Romay e Javi López. Con todo, a incorporación de todos eles ás convocatorias non será inmediata.

"Javi Pazos xa o temos integrado por completo", dixo este xoves Luismi tras a sesión preparatoria que tivo lugar no estadio de Pasarón. Pol Bueso, Romay e Álvaro Bustos completaron boa parte do traballo co grupo, pero aínda non se atopan plenamente recuperados das súas doenzas musculares. O mesmo ocorre con Javi López, que se uniu ao resto de compañeiros para realizar os últimos exercicios da sesión. "Era o que máis nos preocupaba xa se está integrando co grupo e vai completando sesións", destaca o técnico.

A falta de xogadores chamados a ser importantes no primeiro equipo durante o primeiro tramo de pretemporada lastrou a preparación da campaña. "O ideal sería que puidesen xogar máis minutos para ir collendo ritmo e para o axuste coa xente nova. O lado positivo é que perdemos xogadores pero non son de longa duración e en breve terémolos co grupo", valora o preparador granate.

CANTEIRÁNS AO PRIMEIRO EQUIPO

Durante estas primeiras semanas de preparación, Luismi está a ter ás súas ordes a varios xogadores do filial e do equipo xuvenil que tamén están a gozar de minutos nos partidos amigables pola praga de lesións no primeiro persoal. Con todo, non todos formarán parte do primeiro equipo. "A idea é que Santi Figueroa e Rivera sexan os canteiráns que ocupen ficha sub 23 co primeiro equipo", informa o adestrador. O lateral destro e o dianteiro uniranse ao porteiro Brian Xaén e ao lateral zurdo Álvaro Naveira como catro dos seis xogadores sub 23 que terá o equipo.

Aínda que só é obrigatorio cubrir catro destas seis prazas, Luismi admite que "necesitamos un central ou lateral máis" que será menor de 23 anos e que o club espera incorporar canto antes. Pero o capítulo de fichaxes non se pechará con esa incorporación. "Veremos que opcións nos poidan mellorar unha posición do campo e se a atopamos apostaremos por ela", declarou Luismi sen especificar se se refería á posición do mediocentro organizador, un dos roles dos que carece actualmente o Pontevedra.

Finalmente, tamén falou Luismi sobre as sensacións dos últimos partidos amigables nos que os resultados non foron os máis satisfactorios. "Cos equipos de superior categoría estamos a competir ben e cos de inferior non está a custar máis", admitiu o técnico. A falta de gol non lle preocupa porque moitos xogadores das liñas de ataque estiveron apartados do grupo por lesión e, sobre o xogo directo exhibido nalgúns tramos dos partidos, sinalou que "Hai que ter un equilibrio. Nin sempre xogo combinativo nin directo. Ter varias opcións enriquéceche e consegues que o rival non te teña controlado".