O pontevedrés Álex Chan, preseleccionado por Estados Unidos para o Mundial de Exipto

Pontevedra
02 de decembro 2020

O xogador do Cisne, con pasaporte estadounidense ao nacer a súa nai no país norteamericano, pasou a primeira criba do seleccionador e soña con poder disputar o Mundial de balonmán

Álex Chan, no partido da Liga Asobal entre Cisne e Barcelona no Municipal
Álex Chan, no partido da Liga Asobal entre Cisne e Barcelona no Municipal / Cristina Saiz

O soño americano está un pouco máis preto para Álex Chan. O central pontevedrés do Club Cisne foi incluído na preselección de Estados Unidos para o próximo Mundial de balonmán, que terá lugar en Exipto o próximo mes de xaneiro.

Aos seus 27 anos, Chan leva semanas tramitando a súa condición de xogador seleccionable para o combinado norteamericano, e é que posúe a nacionalidade estadounidense grazas á súa nai, nacida alén do Atlántico, ata onde emigrara o avó do agora primeira liña do Cisne.

A idea de poder cumprir o soño mundialista comezou a materializarse coa invitación que a IHF fixo ao combinado americano, momento no que grazas á mediación entre outros do seu actual adestrador puido contactar co seleccionador de Estados Unidos, o sueco Robert Hedin, para darlle a coñecer a súa disposición.

Agora tras máis dunha década defendendo a camiseta do Cisne e convertido nun dos seus estandartes na campaña de debut na Liga Asobal, Álex pasou o primeiro corte coa preconvocatoria na que figuran outros 34 xogadores, entre os que se atopa outro representante da Asobal, o pivote do Ademar leonés Donlin.

Aínda falta por coñecer a lista definitiva, pero Chan está un paso máis preto de vivir a experiencia mundialista cunha selección que tentar progresar no seu nivel pensando sobre todo nos Xogos Olímpicos de 2028 que se celebrarán en Los Ángeles.

No caso de conseguilo, o central pontevedrés enfrontaríase a seleccións de primeiro nivel internacional, e é que Estados Unidos disputará a primeira fase do Mundial encadrado no Grupo E xunto a Francia, Noruega e Austria.