O pontevedrés Óscar Graña e o arousán Ramón Ferro colgan a prata no Mundial de piragüismo maratón

Pontevedra
18 de setembro 2016

Coa medalla de prata lograda na localidade alemá de Brandemburgo, a parella do Kayak Tudense engrosa o seu xa extenso palmarés ata os once metais mundialistas 

Óscar Graña e Ramón Ferro no Mundial de Brandemburgo Kayak Tudense

Do mesmo xeito que hai un ano, Óscar Graña e Ramón Ferro subiron ao podio do Campionato do Mundo de Piragüismo Maratón, esta vez ao segundo chanzo.

Graña e Ferro lograron a prata na localidade alemá de Brandemburgo na categoría de C-2, despois dunha dura e bonita loita cos grandes favoritos, os húngaros Marton Kover e Adam Docke.

A igualdade mantívose desde os instantes iniciais, cando ambos os barcos foron descolgando adversarios ata quedar sós, ata os últimos 250 metros, cando os pontevedreses non lograron seguir o ritmo tras o acelerón final e deixáronse ir para chegar a 33 segundos dos gañadores.

Óscar Graña e Ramón Ferro engaden así unha nova medalla ao seu amplo palmarés, sumando xa 11 metais mundialistas desde que 2004 inaugurasen a conta cun bronce en Noruega.

Ademais dos padexeiros do Kayak Tudense, tamén participaron no C-2 Tono Campos e José Manuel Sánchez, do Breogán do Grove, finalizando na quinta posición tras descolgarse dos líderes nos primeiros compases da regata.

Campos acusou o esforzo do sábado, cando conseguiu tamén a medalla de prata na canoa individual.