O PP denuncia o "abandono" do campo de fútbol de Cerponzóns e pide solucionar os seus "problemas de abastecemento de auga"

Pontevedra
03 de novembro 2021

O edil popular Guille Juncal asegura que a renovada instalación asegura que leva catro anos sen regarse "xa que se construíu sen ter en conta as necesidades de abastecemento de auga que unha instalación desas características require"

Protesta no campo de fútbol de Chan do Monte en Cerponzóns
Protesta no campo de fútbol de Chan do Monte en Cerponzóns /

O concelleiro do Partido Popular de Pontevedra encargado da área deportiva, Guille Juncal, alertou este mércores da situación de "abandono" que vive o renovado campo de fútbol de Cerponzóns.

Asegura o edil que o campo leva catro anos sen regar "xa que se construíu sen ter en conta as necesidades de abastecemento de auga que unha instalación desas características require".

Todo eles tras investirse na súa construción preto dun millón de euros e de engadirse a posteriori un pozo de barrena que non resulta suficiente para soportar a rega.

"É unha situación inaceptable que, ademais de desgastar o propio céspede artificial reducindo excesivamente a súa vida útil, supón un perigo para a integridade física dos deportistas que alí adestran e compiten", resalta Juncal solicitando ao concelleiro de Deportes que "poña en marcha as xestións oportunas para solucionar os problemas de abastecemento de auga do campo".

Trátase dunha problemática que segundo o representante popular "non é allea á Concellería de Deportes, xa que, con data de 19 de febreiro de 2020 os propios usuarios remitiron un escrito no que informaban desta situación".