O PP pide a Tino Fernández "que deixe a prepotencia a un lado e escoite o tecido deportivo desta cidade"

Pontevedra
01 de outubro 2021

O edil popular Guille Juncal respondeu este venres o concelleiro de Deportes tras as súas declaracións ante a polémica xerada sobre a entrada de pais e nais aos partidos de base que se disputan en instalacións municipais. "Instamos formalmente o señor Fernández a que se desculpe con todos os clubs deportivos", sinalou en roda prensa o representante do PP

Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra PontevedraViva

Guille Juncal, concelleiro do Partido Popular de Pontevedra, saíu ao paso este venres das declaracións do edil de Deportes, Tino Fernández, ante a polémica xurdida pola imposibilidade de pais e nais de deportistas de base de acceder aos partidos dos seus fillos.

O responsable municipal afirmou que a responsabilidade da entrada de público é dos clubs e que a polémica "son ganas de  leria por parte dalgúns".

Ante estas verbas Juncal instou a Tino Fernández a "que se desculpe con todos os clubs deportivos, coa cidadanía en xeral, que rectifique as súas palabras e recoñeza que non se axustaron á realidade", xa que se trata ao seu xuízo de "unha afirmación que é rotundamente falsa, posto que o protocolo do Concello de Pontevedra non permite en ningún caso o acceso a instalacións deportivas a ninguén que non sexa imprescindible".

O Partido Popular defendeu que "é o momento de que se flexibilicen e se relaxen os protocolos en materia deportiva do Concello, que se permita de forma segura e ordenada a entrada de público", polo que pide ao responsable de Deportes "que deixe a prepotencia a un lado e escoite ao tecido deportivo desta cidade".

Na súa comparecencia o portavoz en materia deportiva do grupo popular acusou o Concello, e en particular a Fernández, de tomar "decisións indefendibles ao longo destes meses" co peche das instalacións deportivas, a non celebración das escolas deportivas municipais ou as súas afirmacións nas que "insultou a representantes federativos que si estaban a facer o seu traballo ou tachou de irresponsables a todos os que defendemos unha volta controlada e segura do deporte", defendeu Guille Juncal.