O PRC repite triunfo no derbi pontevedrés ante Mareantes (13-19)

Pontevedra
22 de marzo 2016

Co seu triunfo na última xornada, no derbi da cidade, o Pontevedra Rugby Club asegura xogar o play-off polo título, para o que xa estaba clasificado o Mareantes

Partido entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club
Partido entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club /

O Pontevedra Rugby Club levou, do mesmo xeito que na primeira volta, o derbi pontevedrés de rugby ante Mareantes (13-19) na última xornada da liga regular da Primeira Territorial.

Nun intenso e igualado partido, o PRC decantou o duelo grazas á profundidade de banco e ante o cansazo final do Mareantes, debido as celebracións de San Patricio.

O Mareantes foi o encarcado de inaugurar o marcador cun primeiro ensaio, pero a réplica máis transformación do PRC deu a volta ao marcador, confirmado antes do descanso con outro ensaio que poñía o 5-12.

A segunda metade arrincou con dominio do PRC e perigosos contraataques do Mareantes ata que un novo ensaio e transformación encarrilaba o partido (5-19). Mareantes non se rendeu e recortou distancias ata o 13-19, pero faltoulle tempo para completar a remontada.

Con este resultado o PRC clasifícase para o play-off polo título ao finalizar na cuarta praza, sendo o seu rival o campión da liga regular, o Campus Ourense. Pola súa banda Mareantes, que xa estaba clasificado como terceiro, xogará a semifinal ligueira ante o CR Ferrol.