Conta atrás para a que será a quinta edición do RallyMix Cuntis Vila Termal.
A proba, consolidada no calendario autonómico, terá lugar os días 24 e 25 de setembro, pero como aperitivo realizou a súa presentación oficial na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.
Nil Solans, campión do mundo júnior WRC, e Sara García, piloto internacional que completou sen asistencia o prestixioso Dakar, son dous dos reclamos da competición automobilística. Sara participará en Cuntis a bordo dun Kart Cros do fabricante galego YaCar.
O V RallyMix de Cuntis, organizado pola Escudería Cuntia Vila Termal, contará cun trazado de 12.300 metros cun 70% de terra e un 30% de asfalto e que apenas cambia con respecto a anteriores edicións. Nese percorrido completaranse ata cinco mangas cronometradas, tres o sábado día 24 e outras dúas na matinal do domingo día 25.