O Ravachol debuta como local cun duelo directo pola permanencia no Municipal

Pontevedra
05 de novembro 2021

O equipo pontevedrés saíu derrotado de Huelva no primeiro partido da tempada e busca o triunfo ante un rival directo, o Benalmádena, que acumula dúas derrotas nos seus dous partidos xogados

Equipo do Bádminton Ravachol na primeira xornada de liga en Huelva
Equipo do Bádminton Ravachol na primeira xornada de liga en Huelva / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

A elite do bádminton nacional regresa a Pontevedra. O Pavillón Municipal acolle este sábado a disputa da terceira xornada de División de Honra, onde o Ravachol recibirá ao CB Benalmádena nun encontro que se presenta igualado e emocionante pola calidade de ambos os equipos.

A partir das 17.30 horas, o Municipal será testemuña dun duelo entre rivais directos pola permanencia. O Benalmádena, equipo consolidado desde hai anos na máxima categoría nacional, chega reforzado por fichaxes de primeiro nivel, nacionais e estranxeiros, polo que se presenta un duelo moi difícil de resolver para os locais, que poñerán toda a carne no asador para que os tres puntos queden en casa.

Tras dúas xornadas disputadas, o Benalmádena acumula dúas derrotas, mentres que o Ravachol Pontevedra unicamente disputou a primeira xornada, con derrota ante o IES La Orden de Huelva, xa que esta tempada ao ser grupos impares cada equipo descansa unha vez en cada volta. 

O director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro, comentou na previa que "esta tempada non hai partidos fáciles, o nivel da liga subiu aínda máis e calquera descoido ou contratempo pode facerche gañar ou perder contra calquera, xogaremos as nosas cartas o mellor posible para conseguir a vitoria".

O xogador do primeiro equipo Manuel Brea sostén que "nos fai moita ilusión volver xogar en casa, esperamos dar o noso mellor nivel e sumar os primeiros puntos da tempada despois das boas sensacións da primeira xornada".