O Ravachol Pontevedra confirma seis renovacións e agarda dúas fichaxes estranxeiras

Pontevedra
29 de agosto 2022

Alejandro Nogueira, Raquel Miguens, Javier Sánchez, Elena Fernández, Pablo Sanmartín e María Torres seguirán un ano máis nun plantel, ao que se suma o canteirán Hugo Salgueiro

O capitán Alejandro Rodríguez renova co Ravachol Pontevedra
O capitán Alejandro Rodríguez renova co Ravachol Pontevedra / Ravachol Pontevedra

A dirección deportiva do Club Bádminton Ravachol Pontevedra anunciou este luns seis novas renovacións para o primeiro equipo, que competirá un ano máis na máxima categoría nacional, a División de Honra.

Os capitáns, Alejandro Nogueira e Raquel Miguens, Javier Sánchez, Elena Fernández, Pablo Sanmartín e María Torres seguirán un ano máis no plantel, na que ademais estará o canteirán Hugo Salgueiro, que se incorpora ao primeiro equipo.

Nogueira e Miguens, capitáns desde a súa chegada ao equipo na tempada 2018-2019, renovan o seu vínculo coa entidade pontevedresa unha tempada máis. A pesar de que o seu protagonismo nas aliñacións diminuíu, continúan sendo pezas indispensables para o equipo e renden a gran nivel cando se lles necesita, a pesar de que as obrigacións laborais non lles permiten adestrar como en anos anteriores.

O apartado de dobres queda asegurado coas renovacións de Sánchez e Fernández. O almeriense e a asturiana chegaron no mercado de inverno da tempada 2020/2021 e, lesións aparte, foron pezas importantes no equipo, rol que se espera manteñan durante a presente campaña.

Sanmartín e Torres pechan este apartado de renovacións, ao que se engade ao canteirán Hugo Salgueiro, que confirma o seu ascenso ao primeiro equipo e buscará ter a súa oportunidade na máxima categoría, a pesar de ter tan só 17 anos.

En canto ás baixas, confírmase que Lucía Rodriguez non seguirá co Ravachol Pontevedra. A xogadora galega volverá xogar co seu equipo de toda a vida, o CB As Neves, en Primeira Nacional, tras uns meses cedida en Pontevedra. Desde o club agradecemos ao CB as Neves a cesión durante a pasada tempada e desexámoslles sorte para esta tempada.

A outra baixa confirmada é a do británico Luke Pearce, que non foi inscrito no primeiro equipo, aínda que continuará tendo licenza polo Ravachol Pontevedra.

"Renovamos á maior parte do plantel da pasada tempada, e en breve anunciaremos dúas fichaxes de deportistas estranxeiros que virán suplir as baixas e a sumar calidade ao equipo. Estamos contentos co equipo que temos e volveremos loitar por manter a categoría un ano máis", afirmaba o director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro.