O reaxuste do calendario nacional de tríatlon podería aprazar o campionato galego de Pontevedra

Pontevedra
17 de xuño 2020

O  Concello ten previsto acoller o torneo autonómico de categoría absoluta o 26 de setembro, pero a reorganización das datas doutras competicións pode obrigar a pospoñer o evento

Primeira edición do Pro Tour de Tríatlon en Pontevedra
Primeira edición do Pro Tour de Tríatlon en Pontevedra / Diego Torrado

As incógnitas que pesaban sobre as datas para retomar as probas dos calendarios autonómico, nacional e internacional do tríatlon polo estalido da pandemia do coronavirus van despexándose. A comisión delegada da Federación Galega de Tríatlon reuniuse o 10 de xuño para analizar a situación e aprobar un calendario provisional para este verán que comezará o 9 de agosto en Ferrol.

A listaxe de probas de carácter autonómico a realizar ao longo do 2020 inclúe a celebración de tres campionatos galegos na contorna de Pontevedra. O primeiro está fixado para o 6 de setembro coa celebración en Portonovo do V Tríatlon Boamorte Bikes Sanxenxo, que este ano coroará aos campións galegos en distancia olímpica.

O 26 de setembro está prevista a celebración da vixésima edición do Tríatlon Cidade de Pontevedra, que coroará aos gañadores das probas como campións galegos en distancia sprint tanto de tríatlon como de paratriatlón. Con todo, durante a reunión os asistentes alertaron da posibilidade de que esta competición coincida con outras de carácter nacional polo que, despois preguntar pola predisposición do Concello, decidirán pospoñela en caso de coincidir con probas de maior categoría.

A terceira destas probas na comarca de Pontevedra está prevista para o 3 de outubro co dúatlon de menores de Marín cualificado tamén como campionato galego.

Doutra banda o Concello de Vilagarcía manifestou tamén a intención de manter o campionato galego por equipos, aínda que aínda non atoparon unha data axeitada.

Á ESPERA DO CALENDARIO NACIONAL

A maior parte das probas do calendario nacional de tríatlon foron suspendidas e agora que a chegada da nova normalidade parece próxima, desde a Federación comezan a reorganizar todas as competicións. Polo momento son poucas as que están confirmadas. A primeira está fixada para o 25 de xullo en Almazán, Soria, coa disputa do campionato de España de tríatlon cros.

Con todo, na relación de competicións non figura o Pro Tour 2020 que ía traer a Pontevedra por segundo ano consecutivo aos mellores triatletas do país, nin tampouco o campionato de España de tríatlon contrarreloxo individual, enmarcado no evento que viviu no 2019 a súa primeira edición na contorna do Lérez.

O propio concelleiro de Deportas, Tino Fernández, adevertía no mes de abril que dadas as circunstancias sanitarias sería moi "complicado" organizar estes eventos na data prevista. Con todo, manteñen o interese en organizalos.