É oficial. Pontevedra será sede os días 22 e 23 de agosto do Campionato de España Sprint de Tríatlon.
A Boa Vila, tal e como informou PontevedraViva, era a principal candidata a acoller o evento tras a reunión da asemblea federativa, pero non foi ata este venres cando o organismo deportivo confirmou a designación na publicación do novo calendario competitivo nacional para o tramo final de 2020.
"Falabamos do ProTour a principios de ano pero viuse un todo abaixo co Covid e entendemos que este é un campionato que atrae", sinalou respecto diso o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tras facerse oficial a noticia e só un día despois de dar o OK definitivo á súa organización, sempre baixo estritas medidas de seguridade e supeditado a que non se produza un rebrote nas próximas semanas.
Será ademais unha cita de moi alto nivel, xa que ante a falta de competicións e a necesidade de rodarse "van estar os mellores", confirmou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores en relación á gran figura local, Javier Gómez Noya, e tamén ao mallorquino e campión mundial Mario Mola, pendentes aínda do calendario internacional pero para quenes o Nacional Sprint pódelles servir de rodaxe pensando na posible continuación das Series Mundiais. Non se descarta ademais a presenza doutras figuras locais como Pablo Dapena, a pesar de non ser a súa mellor distancia xa que este campionato conta cun percorrido de 750 metros de natación, 20 quilómetros de ciclismo e 5 quilómetros de carreira a pé, moi diferente á media e longa distancia na que afai competir o pontevedrés.
Segundo informou a Federación Española, o Campionato de España Sprint disputarase para as categorías cadete, junior, elite e sub23 por unha banda, previstas para o día 22, e Grupos de Idade e Paratriatlón por outra, reservando para eles o domingo día 23.
En canto á seguridade, modificáronse os criterios de participación en elite e sub23, júnior e cadete, reducíndose as saídas a un máximo de 75 deportistas. Así mesmo favorecerase a participación dos equipos mellor posicionados na Clasificación Nacional de Clubs modificando os criterios de participación en elite, e modifícanse os mesmos para a categoría cadete establecendo series clasificatorias en horario de mañá con final directa pola tarde, cun máximo de 50 deportistas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.