O Real Club Náutico de Sanxenxo prepárase para acoller o desenlace do Trofeo Presidente da Xunta de vela coa Regata Rey Juan Carlos I, do venres 16 ao domingo 18 de setembro.
O rei emérito será un dos participantes da regata, que pechará o circuíto galego de alto nivel, por segundo ano consecutivo.
Juan Carlos I competirá na cita raíña do club pontevedrés patroneando o 'Gallant' na categoría 6M, clase que debuta este ano na regata e na que finalizou en segunda posición o recente Trofeo Príncipe de Asturias en Baiona.
A frota, que contará con sete embarcacións no campo de regatas, xa estivo navegando anteriormente na ría de Pontevedra durante varias xornadas de adestramento oficial e disputando o Trofeo Viaxes InterRías o pasado mes de xuño.
A competición arrincará o venres ás 16:00 horas e prolongarase ata o domingo, con seis probas para as dúas categorías de ORC que optan ao botafumeiro de prata, que distingue á mellor tripulación do Trofeo Presidente da Xunta composto pola Regata S.A.R. Infanta Elena, o Trofeo Príncipe de Asturias e a Regata Rei Juan Carlos I.