Unha fin de semana redonda para Juan Carlos I en Sanxenxo

Sanxenxo
18 de setembro 2016

O rei emérito, aproveitando o bo tempo da fin de semana, gozou en Sanxenxo dunha das súas paixóns, o deporte da vela. O monarca participou na regata á que dá nome, última proba do Trofeo Presidente da Xunta, e incluso anotouse o triunfo na categoría 6M

Juan Carlos I en Sanxenxo
Juan Carlos I en Sanxenxo / María Muíña / Infosaling

Rodeado de amigos, gozando do bo tempo, da gastronomía e dunha das súas paixóns, o deporte da vela.

Así se puido ver durante toda a fin de semana en Sanxenxo a Juan Carlos I, un habitual durante os últimos meses nas regatas que organiza o Real Club Náutico.

O rei emérito participou na competición á que dá nome, a Regata Rey Juan Carlos I, última proba do Trofeo Presidente da Xunta de Vela.

Tres días de regatas no que monarca gozou a bordo do 'Gallant', embarcación da categoría 6M na que compartiu competición co presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo, Pedro Campos, entre outros.

Aínda por riba o 'Gallant' terminou resultando gañador na súa categoría ao vencer na última xornada, á que chegaba segundo na clasificación.

Outros gañadores na regata raíña do Náutico de Sanxenxo foron o 'Fifty by Storax', 'Movistar, 'Chispa Nejra', 'Pingüino uno', 'Bribon Movistar', 'Marnatura' e o 'Sebrala dos', patroneado este último por Magín Froiz.