O Ribadumia entrega na Senra o que recolle a domicilio e deixa os puntos ante o Deportivo B (1-2)

O Salnés
20 de marzo 2016

Segue o Ribadumia cos seus xa tradicionais problemas para conseguir vencer na Senra, onde entrega boa parte da colleita que obtén a domicilio. Nesta ocasión foi o Deportivo B o que sacou proveito nun partido aberto, con ocasións para ambos, pero no que a falta de acerto no remate dos aurinegros, levoulles á derrota, despois de que ata Changui desperdiciase un penalti

Partido entre Ribadumia e Rápido de Bouzas na Senra
Partido entre Ribadumia e Rápido de Bouzas na Senra / Diego Torrado

Segue o Ribadumia cos seus xa tradicionais problemas para conseguir vencer na Senra, onde entrega boa parte da colleita que obtén a domicilio. Nesta ocasión foi o Deportivo B o que sacou proveito nun partido aberto, con ocasións para ambos, pero no que a falta de acerto no remate dos aurinegros, levoulles á derrota, despois de que ata Changui desperdiciase un penalti.

O filial deportivista chegaba nunha liña irregular de xogo e resultados, confirmando as razóns da súa frouxa tempada. Os visitantes non foron superiores tecnicamente, pero si no aspecto físico, especialmente na zona central, e aí cimentaron a súa vitoria.

Pronto se adiantou no marcador o Deportivo B. Fíxoo aos dous minutos de xogo, ao aproveitar o dianteiro colombiano, Juan Ferney, un balón solto na área local para bater a Javi Sánchez.

Os de Sierra reaccionaron, pero pronto se viu que non era o seu día máis inspirado no remate. Agus dispuxo de ata tres oportunidades para bater a Anxo, pero o meta herculino evitouno.

Pero a máis clara foi para o veterano Changui, que puido empatar antes do descanso ao dispoñer dun penalti que non acertou a transformar, mandando o disparo por encima do traveseiro.

Á volta de vestiarios o Ribadumia conseguía por fin a igualada, minuto 56, nun balón de Fran Matos que remata Nando, pero pouco duroulle a alegría, xa que nove minutos máis tarde, nunha contra, o Deportivo B sorprendía e adiantábase de novo, por medio de Óscar Pinchi, establecendo o 1-2 definitivo.

Desde aí ata o final, intentos sen éxito dos locais e dominio do Deportivo B que tivo tamén algunha opción para aumentar a conta.

Consulta aquí o acta do partido.