O Romano de Mérida, unha praza histórica inédita para o Pontevedra

Pontevedra
28 de setembro 2022

O conxunto granate visitará Mérida o vindeiro sábado 1 de outubro por primeira vez na súa historia en partido oficial, xa que a pesar de ser un histórico do fútbol nacional nunca se cruzou co club estremeño en ningunha das súas tres denominacións

Estadio Romano José Fouto de Mérida
Estadio Romano José Fouto de Mérida /

O duelo do próximo sábado 1 de outubro será especial para o Pontevedra Club de Fútbol, e é que o club granate pisará unha praza histórica do fútbol nacional que, circunstancias do destino, nunca visitou ata a data.

A entidade da Boa Vila non coincidiu nunca co Mérida en ningunha das súas tres denominacións oficiais (foi refundado en dúas ocasións, a última no ano 2013), a pesar das 6 tempadas en Primeira do 'Hai que roelo', as súas 9 campañas en Segunda División e 37 en Segunda B, algunhas compartindo grupo con equipos estremeños.

Será por tanto a primeira vez que o Pontevedra pise o Estadio Romano 'José Fouto', unha instalación reconstruída no ano 1995 sobre o antigo Estadio Municipal de Mérida coincidindo co ascenso do equipo á máxima categoría. O Mérida estaría dous ano na elite, ademais de 7 tempadas en Segunda e as 17 que acumula na Segunda B.

No que respecta ao actual Mérida AD (Asociación Deportiva), é herdeira do extintos Club Polideportivo Mérida (desaparecido o ano 2000) e da UD Mérida (caeu por débedas no 2013), adquirindo os seus dereitos o actual club nunha poxa xudicial e converténdose en SAD no ano 2016.

Comezou o seu periplo con dous cursos en Terceira antes de ascender a Segunda B, da que descendería na campaña 17-18 para volver un ano despois. Coa restructuración caeu á Segunda RFEF ascendendo, do mesmo xeito que o Pontevedra, o pasado curso aínda que pasando polo play-off, xa que foi segundo clasificado do seu grupo.

Polo momento o actual Mérida adestrado por Juanma Barrero non puido estrear o seu marcador de triunfos na Primeira RFEF. Despois de catro xornadas ocupa o antepenúltimo posto con dous puntos, conseguidos en senllos empates fronte a Linense e Unionistas e precedidos por dúas derrotas nos choques contra Linares a domicilio e Deportivo na súa casa.

O duelo ante o Mérida será un dos catro inéditos que afrontarán os granates esta tempada, xa que nunca se mediron tampouco ao Linares, ao que visitarán o 9 de outubro, Algeciras e San Fernando.