O rugby volve á escola

Pontevedra
23 de setembro 2021

O Mareantes e o Pontevedra Rugby Club poñen en marcha esta tempada un novo curso de escolas deportivas para menores de todas as idades no campo de Monte Porreiro

Partido entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club
Partido entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club / Diego Torrado

O rugby regresa este ano ás escolas. Os dous equipos da cidade, despois dun ano sen practicamente actividade pola pandemia, regresan este ano cargados de novidades. A principal é a volta das categorías inferiores do Mareantes, ausentes desde o ano 2014. Pero tamén o Pontevedra Rugby Club recupera os adestramentos para os seus deportistas da base no campo de Monte Porreiro.

No caso do Mareantes, a directiva segue inmersa no proceso de captación de novos talentos e xa ten asegurada a inscrición dun equipo de categoría sub 14 en Liga Galega. Ademais, dado que non existen categorías máis baixas, o club organizará concentracións periódicas para que realizar adestramentos cos equipos sub 6 sub 8 sub 10 e sub 12.

Pola súa banda, o Pontevedra Rugby Club tamén ten en marcha unha escola de rugby para nenos de 4 a 11 anos e categorías inferiores de 12 a 18 anos, que complementan aos dous equipos sénior masculino e feminino.

Calquera mozo ou moza interesado en probar este deporte só ten que poñerse en contacto con algunha destas dúas entidades para recibir unha invitación e empezar a gozar deste deporte.

Doutra banda, a xunta directiva do Mareantes fai oficial o nomeamento de Roberto Fontán como novo presidente en substitución de Francisco Lusquiños.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora