O Salgueiriños rende homenaxe ao seu fundador, Carlos Menéndez, polos seus sesenta anos de máxima dedicación

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Jose Manuel Fernández; e o novo presidente do club, Óscar Guimeráns, entregaron unha placa conmemorativa á alma máter do Salgueiriños    

Carlos Menéndez recibe un obsequio polos seus sesenta anos de presidente do Salgueirños CF
Carlos Menéndez recibe un obsequio polos seus sesenta anos de presidente do Salgueirños CF / Real Federación Galega de Fútbol

O Liceo Casino de Pontevedra foi escenario o pasado sábado dunha homenaxe a unha das principais figuras do fútbol de base pontevedrés. Despois de sesenta anos de servizo, o fundador do Salgueiriños CF decidiu este ano dar un paso ao carón e a nova directiva decidiu, aproveitando o sesenta aniversario do club, reunir á ampla familia do histórico club pontevedrés para render un merecido tributo a Carlos Menéndez Ogando.

No acto estiveron presentes persoas relacionadas con diversas institucións políticas, sociais e deportivas da cidade, como o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Jose Manuel Fernández. O dirixente, acompañado polo novo presidente da entidade e exxogador do Pontevedra, Óscar Guimeráns, fixo entrega dunha placa conmemorativa ao histórico expresidente do Salgueiriños. 

A homenaxe a Menéndez é un dos principais actos previstos no programa de celebración do sesenta aniversario do club. Desde a nova directiva teñen planeada a edición dunha revista conmemorativa sobre a historia do club, un campionato de categoría benjamín que levará o nome de Carlos Menéndez, así como redobrar a aposta polo deporte de base coa creación dunha sección de equipos femininos.