O Salgueiriños rende homenaxe ao seu fundador, Carlos Menéndez, polos seus sesenta anos de máxima dedicación

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

O vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Jose Manuel Fernández; e o novo presidente do club, Óscar Guimeráns, entregaron unha placa conmemorativa á alma máter do Salgueiriños    

Carlos Menéndez recibe un obsequio polos seus sesenta anos de presidente do Salgueirños CF Real Federación Galega de Fútbol

O Liceo Casino de Pontevedra foi escenario o pasado sábado dunha homenaxe a unha das principais figuras do fútbol de base pontevedrés. Despois de sesenta anos de servizo, o fundador do Salgueiriños CF decidiu este ano dar un paso ao carón e a nova directiva decidiu, aproveitando o sesenta aniversario do club, reunir á ampla familia do histórico club pontevedrés para render un merecido tributo a Carlos Menéndez Ogando.

No acto estiveron presentes persoas relacionadas con diversas institucións políticas, sociais e deportivas da cidade, como o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Jose Manuel Fernández. O dirixente, acompañado polo novo presidente da entidade e exxogador do Pontevedra, Óscar Guimeráns, fixo entrega dunha placa conmemorativa ao histórico expresidente do Salgueiriños. 

A homenaxe a Menéndez é un dos principais actos previstos no programa de celebración do sesenta aniversario do club. Desde a nova directiva teñen planeada a edición dunha revista conmemorativa sobre a historia do club, un campionato de categoría benjamín que levará o nome de Carlos Menéndez, así como redobrar a aposta polo deporte de base coa creación dunha sección de equipos femininos.