O SAPO, satisfeito cos seus resultados no Campionato Galego Absoluto de salvamento

Pontevedra
08 de febreiro 2017

A piscina Rosario Dueñas de Ourense foi escenario durante a fin de semana do Campionato Galego de Inverno de salvamento deportivo

Deportistas do SAPO no Campionato Galego Absoluto de Salvamento

A piscina Rosario Dueñas de Ourense foi escenario a pasada fin de semana do Campionato Galego Absoluto de Inverno de salvamento acuático, unha cita da que o Club Salvamento Acuático Pontevedra (SAPO) regresou con bo sabor de boca.

Acudiron á cita co club pontevedrés Alba García, José María Villaverde, Anxo López e Marcos Fandiño como xuvenís; Jorge Calvo e Andrés Arnedo como juniors; Bruna Nyckelle e Martín Tenorio como absolutos; e Benito Fernández, Agustín Lima, Indalecio Viñas, Carlos Montero, Sergio Bethencourt e Luís Olavarrieta como máster, conseguindo medallas en cada unha das categorías.

Destacado foi o papel de José María Villaverde, vencedor do ránking en categoría xuvenil grazas ás medallas de ouro conseguidas en 200 obstáculos, 100 socorrista, 100 combinada e 50 arrastre maniquí.

Tamén conseguiron subir ao primeiro chanzo do podio a parella máster formadas por Sergio Bethencourt e Carlos Montero en lanzamento de corda, o propio Carlos Montero en 100 socorrista (-45 anos) e Sergio Bethencourt en 50 e 100 arrastre maniquí (+45 anos) e en 200 supersocorrista.

A colección de metais para o SAPO completouse con varias medallas de prata e bronce nas diferentes categorías, no que supón un empuxón previo ao comezo da tempada ao aire libre, que comeza a finais de febreiro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora