O seleccionador nacional sub-19 pasa revista aos campos da Lomba e Baltar

O Salnés
22 de marzo 2019

Unha delegación da Real Federación Española de Fútbol visitou os lugares onde se celebrará a Rolda Elite Sub-19 feminina, coa presenza das seleccións de España, Irlanda, Serbia e Hungría

Visita dunha delegación da RFEF ao Estadio da Lomba
Visita dunha delegación da RFEF ao Estadio da Lomba / Real Federación Galega de Fútbol

O Estadio Municipal da Lomba, en Vilagarcía de Arousa, recibiu este xoves a visita dunha delegación da Real Federación Española de Fútbol co seleccionador nacional sub-19, Pedro López, á cabeza.

O motivo da visita era comprobar o estado das instalacións ante a celebración do torneo Rolda Elite da categoría que se celebrará entre o 3 e o 9 de abril na capital arousá e en Santiago de Compostela.

España xogará os seus partidos no Estadio Verónica Boquete de Santiago, mentres que o resto de encontros entre Irlanda, Serbia e Hungría terán lugar na Lomba.

En Vilagarcía a delegación da Federación Española estivo acompañada do presidente do Arousa, Manolo Abalo, e da presidenta do Atlético Arousana, Rosana Poza, ademais de contar con representantes da Federación Galega.

Tras o seu paso por Vilagarcía, visitaron tamén o campo de Baltar, en Portonovo, que acollerá os adestramentos da Selección Española Sub-19 durante a súa estancia en Galicia, xa que o equipo do mesmo xeito que o resto de seleccións estará aloxado no Hotel Carlos I de Sanxenxo.