O sol acompaña e Pontevedra goza co seu medio maratón

Pontevedra
22 de outubro 2017

Preto de 1.300 atletas tomaron a saída nunha lucida XXII edición do Medio Maratón de Pontevedra, que encheu de cor e deporte as rúas do centro da cidade. Leticia Fernández e Manuel Guerreiro, no seu caso nun emocionante final, levaron o triunfo

XXII Medio Maratón de Pontevedra
XXII Medio Maratón de Pontevedra / Diego Torrado

Mañá asollada, boa temperatura e centos de atletas polas rúas da cidade. O Medio Maratón de Pontevedra luciu como nunca este domingo na que é xa a súa XXII edición, convertido nun referente no calendario deportivo da Boa Vila.

Ao redor de 1.300 deportistas tomaron a saída ás 11:00 horas desde a ponte dos Tirantes para gozar dunha mañá de DEPORTE. Así, con maiúsculas.

O clima puxo o seu gran de area e a cita converteuse nunha auténtica festa do deporte popular.

Os atletas completaron os 21.097 metros de percorrido dando dúas voltas ao habitual circuíto da proba, homologado pola Real Federación Española de atletismo e que finalizaba no interior do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O máis rápido en chegar á liña de meta foi Manuel Guerreiro, facéndose co triunfo cun tempo de 1 hora, 8 minutos e 30 segundos e superando nun emocionante final a Pablo Miguel García (1:08:33). O podio completouno Nicolás Arrojo (1:10:40) superando por un segundo a Akka Essaadaoui.

En categoría feminina a gañadora foi a gran favorita, Leticia Fernández, cunha marca de 1 hora, 21 minutos e 19 segundos, no seu caso con maior marxe sobre a segunda clasificada, Sonia Teijeiro (1:26:01). Terceira foi Saleta Aboy (1:26:35).

A proba supoñía ademais o peche do V Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.

Consulta aquí as clasificacións completas do XXII Medio Maratón de Pontevedra.