O soño olímpico esfúmase para Bea Gómez Cortés

Pontevedra
22 de marzo 2016

A deportista pontevedresa foi quinta nos 200 estilos do Campionato de España Open de Natación en Sabadell e queda sen opcións de clasificación para os Xogos Olímpicos de Río

Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra
Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra / Diego Torrado

Era consciente Bea Gómez Cortés do complicado repetir presenza olímpica, e a deportista pontevedresa non puido conseguilo. 

A falta de preparación, debido aos problemas de dores de cabeza que a lastraron esta tempada durante a súa preparación, impediron a Bea achegarse ás súas mellores marcas en Campionato de España Open de Sabadell, requisito indispensable para lograr o billete para Río 2016.

Tras o seu quinto posto do domingo nos 400 estilos, a deportista do Natación Galaico repetiu o luns praza nos 200 estilos, a segunda proba na que buscaba a clasficicación.

Debía nadar por baixo dos 2:13.11, pero quedou nun tempo de 2:15.39 que a deixa xa sen ningunha opción de repetir soño olímpico en Río de Janeiro.

A vencedora dos 200 estilos foi Mireia Belmonte (2:11.88) e segunda, rozando a mínima, África Zamorano (2:13.28). Completou o podio Catalina Corró (2:14.52).

Tamén nadou esta proba Paula Goyanes, sen poder clasificarse para as finais da tarde cun tempo de 2:27.84. Paula conseguiu ademais un tempo de 17:27.72 no 1.500 libre, distancia na que tamén participaron Lara Gómez Cortés (17:56.98) e Águeda Cons (17:21.09).

Completou a xornada, no que respecta aos nadadores do Galaico, Cristian Fernández cun tempo de 8:41.27 nos 800 libre.