Co equipo xa suando a pinga gorda na súa preparación, a base de dobres sesións durante a primeira semana de traballo, o Pontevedra fixo oficial o calendario de amigable estivais.
Serán un total de oito compromisos, dos cales dous se disputarán no Estadio Municipal de Pasarón, os que serán pratos fortes da pretempada. O primeiro deles, xa coñecido, será a visita do Real Club Deportivo á cidade de Lérez o vindeiro martes 25 de xullo (20:00 horas) no LVIII Trofeo Luís Otero.
O segundo, que agora desvelou o club, é o Sporting de Xixón da Segunda División na XLI edición do Trofeo Cidade de Pontevedra, a disputar o mércores 2 de agosto (19:00 horas). Aínda que non se revelaron aínda o prezo das entradas para os dous encontros, en ambos será posible acceder retirando o carné de socio da nova tempada, dispoñible xa nas oficinas de Pasarón.
Ademais dos dous choques ante equipos de superior categoría, a pretemporada dos de Luisito complétase con outras seis citas, empezando o sábado 29 de xullo con outra das xa coñecidas, o Trofeo Carneiro ao Espeto cun triangular no campo de Mirallos, en Moraña, ante Coruxo e Arosa.
Despois chegará o sábado 5 (20:00 horas) no campo cambadés de Burgáns unha cita ante o Porriño Industrial e o domingo 6 outra na Estrada ante o Estradense (20:00 horas), ambos os dous rivais de Preferente.
O mércores 9 de agosto o rival nun novo amigable será o Céltiga de Terceira División (20:15) horas, no estadio Salvador Otero da Illa, mentres a última fin de semana de pretemporada haberá dobre proba ante equipos de Preferente, o sábado 12 de agosto en Celanova ante a UD Ourense (20:00 horas) e o domingo 13 ante o Marcón Atlético no Carrasco (20:00 horas), na que será previsiblemente a última oportunidade de ver en acción aos de Luisito antes do inicio ligueiro.