O Squash Pontevedra, protagonista na Copa de España Sub-19

Pontevedra
06 de novembro 2018

Marta Domínguez conseguiu a medalla de ouro na competición celebrada durante a fin de semana nas instalacións do Squash Santiago, mentres que Pablo Quintana levou a prata

Marta Domínguez, Pablo Quintana e María Domínguez na Copa de España Sub-19 de Squash
Marta Domínguez, Pablo Quintana e María Domínguez na Copa de España Sub-19 de Squash

A Copa de España Sub-19 de squash celebrada durante a fin de semana no Milladoiro, nas instalacións do Squash Santiago, tiveron acento pontevedrés.

O Squash Pontevedra conseguiu dúas medallas e quedou ás portas dunha terceira.

Marta Domínguez foi a que logrou un mellor resultado, ao levar a medalla de ouro no cadro feminino. No seu camiño cara á final só cedeu unha manga nas semifinais, conseguindo no partido polo título un claro 3-0  anye a murciana Ingrid Ruíz (11-5, 11-5 e 11-3).

Ás portas do título quedou pola súa banda en categoría masculina o pontevedrés Pablo Quintana, que tivo que conformarse coa prata ao caer na final ante o tinerfeño Iván Pérez por 1-3 (8-11, 9-11, 14-12 e 5-11).

Completou o papel do Squash Pontevedra María Domínguez cun cuarto posto, tras perder na pelexa polo bronce ante Noa Romero.