O squash reclama protagonismo a base de medallas

Pontevedra
06 de febreiro 2018

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, ofreceron este luns unha recepción aos dous deportistas do Squash Pontevedra medallistas do recente Campionato de España Sub-19 celebrado en Pontemuíños, Marta Domínguez e Gonzalo Romero

Recepción a Marta Domínguez e Gonzalo Romero, do Squah Pontevedra, no Concello
Recepción a Marta Domínguez e Gonzalo Romero, do Squah Pontevedra, no Concello / Mónica Patxot

O 2018 é un ano especial para un deporte como o squash en Pontevedra, non en balde ao bo nivel que os seus deportistas levan varios anos ofrecendo, a cidade acollerá varios eventos de categoría nacional. 

No primeiro deles, o Campionato de España Sub-19 celebrado nas instalacións do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños, o  Squash Pontevedra sumou ademais dúas medallas.

Marta Domínguez proclamouse na casa campioa nacional, mentres que o seu compañeiro Gonzalo Romero foi prata ao ceder unicamente na final.

Este éxito motivou a recepción oficial aos deportistas e responsables do club ofrecida este luns no Concello polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.

Na mente de todos eles está seguir dando alegrías nunha tempada na que Pontevedra ten un lugar destacado no calendario xa que será sede do Campionato de España de Seleccións Autonómicas entre o 21 e o 23 de setembro.